Benvida do Presidente

Benvida do Presidente

Foto Presidente de la Autoridad Portuaria de Vigo

JESÚS VÁZQUEZ ALMUIÑA,

Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo


     O Porto de Vigo constitúese como un potente motor económico para a cidade e a súa área, xestionando un tráfico de mercadorías de algo máis de catro millóns de toneladas cuxo valor supera a cifra de 12 000 millóns de euros. A Autoridade Portuaria está a piques de cumprir 140 anos a cargo da súa xestión, o que indica que é unha obra consolidada, capaz de xerar riqueza en toda a área metropolitana, en Galicia e en España. A todo isto contribúe non só a existencia dun tecido económico industrial sólido e competitivo, senón tamén unhas condicións xeofísicas privilexiadas, tanto no referente á súa situación, no medio do Atlántico, como polas súas condicións naturais de abrigo, calado e canles de entrada.

     Entre as súas fortalezas e oportunidades, a potenciar durante a miña presidencia, destacan unha coidada planificación á que acompañan uns bos resultados económicos, mesmo en períodos adversos como o que provocou a pandemia por coronavirus; e unha orientación fundamental cara á protección do medioambiente e o desenvolvemento sostible. Neste sentido, facemos unha aposta firme pola implantación do Pacto Verde Europeo (Green Deal), co Obxectivo para o 2030 de Cero Emisións, a través da autosuficiencia enerxética, a rexeneración de fondos e a redución da pegada de carbono do Porto con actuacións como o proxecto Peiraos do Solpor, entre outras.

     Co apoio da Xunta de Galicia, o Porto apostou moi acertadamente por implantar a estratexia europea de Crecemento Azul desde o seu inicio, converténdose en pioneiro e referente a nivel mundial, para o que conta tamén co soporte da FAO, da UNESCO e do Banco Mundial. Desde entón, puxéronse en marcha un total de 26 proxectos, pero aínda quedan grandes retos por diante, como é a creación en Vigo da oficina da Rede de Portos Azuis da FAO.

Fotografia aerea de la ría de Vigo

     En virtude da súa gran versatilidade en tráficos e servizos marítimos, a estratexia para o Porto de Vigo céntrase na aposta polo sector automobilístico, a pesca e a industria transformadora, o sector da construción e reparación naval, a mercadoría xeral, e polo sector de cruceiros, duramente castigado pola crise sanitaria.

     Os retos son moitos e céntranse en poñerlle fin as ameazas e as debilidades intrínsecas á natureza do noso porto. Para crecer en eficiencia e resultados necesitamos incrementar a nosa capacidade para xestionar a actividade portuaria a través da reordenación e ampliación sostible dos espazos. Por unha banda, en canto ás nosas infraestruturas portuarias, para que poidan atender a realidade crecente de barcos de maior eslora e calado, mellorando tamén a intermodalidade marítimo-terrestre. E, ao mesmo tempo, avanzar na creación do «portelo único», para desburocratizar os procedementos administrativos, que retardan as operacións e frean o desenvolvemento do Porto. Creo firmemente que a necesaria dixitalización dos procesos reverterá directamente no noso cliente, o usuario portuario, e a este obxectivo debe aspirar a Autoridade Portuaria, como administración pública que é.

Foto aerea terminal de contenedores

          Por último, é a miña intención potenciar a Responsabilidade Social Corporativa, na que creo firmemente, xa que o Porto debe reintegrar á sociedade parte da riqueza xerada, coa creación de postos de traballo, a mellora medioambiental e, por suposto, con proxectos de integración porto-cidade.