Noticias da Autoridade Portuaria

Noticias da Autoridade Portuaria

11/12/2020

O presidente da Xunta asistiu hoxe á toma de posesión do novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo

O presidente da Xunta asistiu hoxe á toma de posesión do novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe á Autoridade Portuaria de Vigo a seguir apostando pola cidade, pola automoción, polo incremento do tráfico de materiais metalúrxicos e pola pesca.

Durante a toma de posesión do novo presidente desta institución portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, Feijóo subliñou a necesidade de seguir apostando pola industria da automoción, consolidando a terminal de Bouzas, como todo un referente na fachada atlántica, de incrementar o tráfico de materiais metalúrxicos para a automoción, o naval ou a construción; e de seguir aplicando melloras na pesca e na industria transformadora, axilizando os trámites administrativos, aduaneiros, sanitarios e de calidade do produto para poder competir. “É o momento de facilitar a entrada e saída das mercadorías”, dixo, referíndose ao Corredor Atlántico.

Para acadar estes obxectivos, o presidente da Xunta afirmou que Vázquez Almuíña contará, ao igual que o presidente saínte, coa colaboración activa do Executivo autonómico.

Ao longo da súa intervención, Feijóo agradeceu tamén o traballo de Enrique López Veiga ao fronte desta institución portuaria, subliñando que, a pesar da pandemia, o tráfico acumulado de mercadorías en contedores está batendo récords.

“Baixo o teu mandato resolveuse o conflito da estiba e as infraestruturas portuarias experimentaron unha intensa renovación”, recordou, referíndose, a modo de exemplos, á mellora do Porto pesqueiro e á Lonxa do Berbés; ou ás melloras na terminal de Bouzas, principal plataforma de saída dos vehículos de PSA-Vigo.

Así mesmo, subliñou que o Porto de Vigo lidera desde 2015 a estratexia Crecemento azul, unha folla de ruta recoñecida no ámbito internacional. O responsable do Goberno galego concluíu recoñecendo o labor das institucións portuarias durante a pandemia e resaltou a súa importancia estratéxica no novo contexto da reactivación.