27/10/2020
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, abordaron hoxe os proxectos estratéxicos para a dársena de Vigo que debe promover o Goberno central • Trasladan a preocupación pola falta de avances nunhas actuacións necesarias para o futuro do porto e da cidade fronte ao o impulso doutras nos portos do Mediterráneo • Ethel Vázquez incide na importancia loxística da Saída Sur ferroviaria de Vigo e da conexión de Bouzas, que impulsarían un crecemento dos movementos do Porto en 240.000 novas toneladas ao ano, un 6% máis • Destaca a “oportunidade única, que non podemos desaproveitar”, de formar parte do Corredor Atlántico para acceder aos investimentos necesarios cos fondos europeos Conectar Europa e de reconstrución Next Generation • Demanda a conexión ferroviaria da PLISAN, que ten xa un proxecto maduro, polo que espera o seu impulso definitivo, xa que sería estratéxico para a atracción de empresas • Reclama un compromiso do Goberno de España coa alta velocidade Vigo-Porto similar ao que vén de anunciar o Executivo portugués
A Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo demandaron hoxe feitos concretos que demostren o compromiso do Goberno de España coa Saída Sur ferroviaria e o Corredor Atlántico ante os fondos de reconstrución.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, mantiveron hoxe unha xuntanza na que abordaron a situación dos proxectos estratéxicos para o futuro do porto e da cidade, que dependen do Goberno central.
Na xuntanza, na que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, coincidiron na preocupación pola falta de concreción e avances cunhas actuacións necesarias para esta cidade e que contrasta co impulso doutras nos portos do Mediterráneo.
Ethel Vázquez salientou o obxectivo da Xunta de ter unha rede ferroviaria realmente competitiva e que mellore as capacidades loxísticas de Galicia, sendo unha das máis estratéxicas e con maior proxección loxística é a Saída Sur ferroviaria de Vigo, incluíndo a conexión da terminal portuaria de Bouzas.
Este proxecto, cun investimento estimado de 496 M€, supón a construción dunha prolongación de 15 km do Eixo Atlántico, desde a estación de Urzáiz ata a liña ferroviaria actual que vai ao sur, coa que conectaría no Porriño; máis un ramal de 5 km que o uniría directamente coa terminal de Bouzas.
Trátase, apuntou a conselleira, dunha conexión que sempre contou co apoio das institucións locais, e tamén do propio alcalde, que a exixía cando era presidente do Porto de Vigo.
Ethel Vázquez puxo o acento nos beneficios da Saída Sur sobre a actividade portuaria, tal y como acredita o estudo encargado pola Xunta de Galicia sobre o custo-beneficio da actuación. As súas conclusións din que permitiría ordenar e racionalizar a situación das liñas e terminais ferroviarias na área viguesa, ao tempo que se estima un crecemento de movementos de 240.000 novas toneladas ao ano, é dicir un 6% máis.
Nas súa declaracións, expresou a necesidade de aproveitar a oportunidade que representa formar parte do Corredor Atlántico para acceder aos fondos europeos, tanto os xa habilitados do mecanismo Conectar Europa como os fondos de reconstrución Next Generation. Trátase, en palabras da conselleira, “dunha oportunidade única que non podemos desaproveitar” para acceder aos investimentos necesarios e executar estas actuacións estratéxicas para Vigo.
Referiuse, ademais, á necesidade de dotar á PLISAN de conexión ferroviaria. Neste sentido, Ethel Vázquez lembrou que conta cun proxecto maduro polo que cómpre o seu impulso definitivo, unha infraestrutura que contribuiría de xeito decisivo á atracción de empresas.
Igualdade de trato co Mediterráneo
A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta reiterou a disposición para colaborar co Goberno de España, e traballar de xeito conxunto para sacar adiante proxectos e actuacións que pretenden potenciar e apuntalar a competitividade do noroeste peninsular, en xeral, e do tecido empresarial da área de Vigo, en particular.
A este respecto, Xunta e Autoridade Portuaria piden igualdade de trato co Mediterráneo e feitos tanxibles que así o demostren. E incidiu en que ata o momento, os feitos apuntan un claro desequilibrio na atención do Goberno español ao Corredor e aos portos mediterráneos, en detrimento do Corredor e dos portos da fachada atlántica como o de Vigo.
Tal e como dixo, o Goberno de España impulsa con determinación as infraestruturas do Corredor Mediterráneo, mentres non achega respostas ás peticións e ás necesidades do Corredor Atlántico e da saída sur de Vigo.
A conselleira referiuse ao escrito que lle remitiu a pasada semana ao secretario de Estado de Transportes, pedíndolle expresamente que evite que os fondos de reconstrución europeos agranden a brecha entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo. Na misiva tamén solicitoulle unha reunión para abordar os proxectos e a creación dun comisionado para o seu impulso, como xa hai no caso do Corredor Mediterráneo.
Ademais, a conselleira reclamou un compromiso do Goberno de España coa alta velocidade Vigo-Porto similar ao que vén de anunciar o Executivo portugués.
Segundo Ethel Vázquez, de nada servirá esta conexión pola que apostan os veciños portugueses se, desde este lado da raia, non se dan pasos por continuar cos proxectos ferroviarios pendentes en Galicia.