Autoridad Portuaria de Vigo
24,1°C
Estación Muelle Trasatlánticos
Noticias de la Autoridad Portuaria

Noticias de la Autoridad Portuaria

01/07/2020
A XUNTA E A AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO REMITEN AO MINISTERIO DE TRANSPORTES O ESTUDO QUE ACREDITA A RENDIBILIDADE ECONÓMICA E SOCIAL DA SAÍDA SUR E DA CONEXIÓN DE BOUZAS
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o presidente da Autoridade Portuaria abordaron esta mañá os resultados do estudo custo-beneficio encargado pola Xunta • O obxectivo é poñer en coñecemento do Goberno español, que é a quen lle compete promover e executar a infraestrutura ferroviaria, o resultado do estudo e, sobre a base das súas conclusións, solicitar o seu “impulso decidido” • A actuación será “determinante” para a actividade do Porto de Vigo, cun crecemento de movementos de 240.000 novas toneladas ao ano, un 6% máis • Fortalecería a carga e descarga da automoción e reforzaría as relacións con Mangualde, Madrid, Zaragoza e Palencia • Suporía un aforro de máis de 9 millóns de quilómetros de transporte en camión coa redución nun 80% das emisións asociadas, en 20 anos • Destaca o impacto que se prevé sobre o PIB de Vigo e a creación de emprego, ademais dos beneficios á poboación asociados á redución de tempos de viaxe e á eliminación de transbordos • A prolongación de 15 quilómetros do Eixe Atlántico cara ao sur e o ramal coa terminal de Bouzas suporía un investimento estimado de 496 millóns de euros • A actuación permitiría ordenar e racionalizar a situación das liñas e terminais ferroviarias da área de Vigo, onde coexisten dúas estacións que captan tráficos e operan de forma desordenada e paralela
A XUNTA E A AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO  REMITEN AO MINISTERIO DE TRANSPORTES O ESTUDO QUE ACREDITA A RENDIBILIDADE ECONÓMICA E SOCIAL DA SAÍDA SUR E DA CONEXIÓN DE BOUZAS

A Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo trasladan ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o estudo que acredita a rendibilidade económica e social da Saída Sur de Vigo e a conexión do Porto de Bouzas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, mantiveron esta mañá unha xuntanza na que abordaron o resultado do estudo custo-beneficio da Saída Sur e da conexión do Porto. No encontro, asinaron unha carta para a súa remisión conxunta ao Ministerio de Transportes dando traslado do estudo encargado pola Xunta.

O obxectivo é poñer en coñecemento do Goberno español, que é a quen lle compete promover e executar esta infraestrutura ferroviaria, o resultado da análise realizada e, sobre a base das súas conclusións, solicitar o seu “impulso decidido".

A Saída Sur de Vigo consiste na prolongación de 15 quilómetros do Eixe Atlántico, desde a estación de Urzaiz ata a liña ferroviaria actual que vai ao sur, coa que conectaría no Porriño, ademais dun ramal, de 5 quilómetros, que o uniría directamente coa terminal de Bouzas. Esta actuación suporía un investimento estimado de 496 millóns de euros que, á vista dos resultados do estudo, estaría plenamente xustificado pola súa enorme rendibilidade económica e social.

Actuación determinante para o Porto de Vigo

Concretamente, a construción da Saída Sur de Vigo permitiría ordenar e racionalizar a situación das liñas e terminais ferroviarias da área de Vigo, onde coexisten dúas estacións que captan tráficos e operan de forma totalmente desordenada e paralela.

Sería, ademais, determinante para a actividade do Porto de Vigo. O estudo calcula un crecemento de movementos de 240.000 novas toneladas ao ano, é dicir, un 6% máis, fortalecendo a carga e descarga da automoción e reforzando as relacións con Mangualde, Madrid, Zaragoza e Palencia.

Suporía un aforro de máis de 9 millóns de quilómetros de transporte en camión de forma que, en 20 anos, se reducirían nun 80% as emisións asociadas ao movemento das mercadorías.

Isto contribuiría ao impacto que se prevé para a Saída Sur sobre o PIB de Vigo e a súa creación de emprego, ademais dos beneficios á poboación asociados á redución de tempos de viaxes e á eliminación de transbordos.

Por todos estes motivos, salientou Ethel Vázquez, “a Xunta e a Autoridade Portuaria de Vigo trasladamos hoxe conxuntamente ao Goberno de España o estudo que acredita a enorme rendibilidade económica e social da Saída Sur e da conexión ferroviaria do Porto, xunto coa nosa solicitude para que se impulse, con determinación”, co obxectivo, dixo, de “dotar ese proxecto da madurez técnica que o Ministerio di que é necesaria para optar aos fondos europeos que permitan materializalo”.

Ethel Vázquez lembrou a “alianza de éxito” constituída entre o Goberno galego, as institucións portuarias e as organizacións empresariais, en colaboración coas Comunidades de Asturias e Castela e León en defensa do posicionamento de Galicia e do Noroeste nos corredores europeos de transporte. “Xuntos conseguimos que se corrixise o erro histórico que deixaba o Noroeste fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías”, sinalou. “Agora queremos acadar unha mellora real e efectiva da nosa rede ferroviaria e das capacidades loxísticas” e “compartimos que unha das actuacións máis estratéxicas e con maior proxección loxística é a execución da Saída Sur ferroviaria”, concluíu.